A Flor de San Xoán

Velaí, para asombro de todos, a espectacular fasquía da Iris latifolia, esa rareza de outa montaña, unha outra máis, que florea a finais do mes de xuño polos cantís da Capelada.

Iris latifolia, campea nas outas pradas pirenaicas e cantábricas, tamén do Sistema Central, estendendo as súas poboaciós ata os máis soerguidos campeiros das montañas galegas orientais e achégase sen medo as terras capeladas para establecer eiquí o límite de distribución occidental.




A Flor de San Xoán é o nome, non recollido ata o de agora na literatura botánica, co que as xentes, e moi especialmente os cativos e as cativas de Teixidelo, lle daban cando ían recollelo no solpor da noite de San Xoán.

Terían que apañalo logo do solpor do sol, pois era cando a flor collia a virtú: a virtude de protexer as súas casas dos perigos meigos cós que esa noite sagra estaba misteriosamente preñada.



Baixaban a brincos dende o seu pequeno rueiro de antigas e vellas casas de pedra ata as campeiras vizosas, agachadas polo cantil, onde andaban certos que haberían de dar con elas. Collían catro ou cinco flores cada quen e volvían decamiño, denantes a noite caer, para as súas casas.
Poñíanas nos ocos que sempre habería entre as pedras das casas, arredor da porta principalmente, e para logo farían o borrallo e nas brasas asarían, coma todo o mundo, patacas, e brincarían o lume e dirían: "Fora meigas da miña casa" ou aqueloutro de "Para que non me trabe nen cadela nen can" ou calisquer outro esconxuro da noite esa, a do San Xoán do solsticio.
Sei estes contos por boca da Señora Socorro, de Teixidelo, a quen agradezo moito as paroladas que mantemos arrimados ao muro, unhas veces cando vou para baixo, outras cando veño para arriba, e que veñen así a amplar o catálogo das tradiciós da noite de San Xoán incluíndo entre as herbas a utilizar esta rara e fermosa flor do cantil capelado.


Que noutrures chaman lirio azul, sendo certamente do mesmo xénero iris ca espadana marela de cada regueiro noso de cada día, o Iris pseudacorus, pero non convirá chamarlle espadana azul, pois a Flor de San Xoán, ten a folla ben diferente, non plana, coma unha espada, se non revirada cara adentro, coma unha corda.

Mirara eu esta fermosa planta por primeira ves, amilagrado e sorprendido, por encima do peirao da Masilla, baixando para o Cadro e daquela, xa van anos, fixéralle un par de fotos en película analóxica o meu amigo Domingo. Tan amilagrado e sorprendido coma min.

Dende aquela primeira e virxinal aparición poucas veces máis tiven ocasión de tropezar con ela: polos altos do Limo, un pouco a nordés da Lagoa e nalgún outro curruncho, sempre con poboaciós coreñas e diminuidas, e sempre sorprendéndome e amilagrándome a rexia fermosura anil desta nosa flor de lis.
Non coñezo ningún outro cantil ou territorio onde a Flor de San Xoán se dea coa xenerosidade con que alumbra polas peadas abas de Teixidelo: un espectaculo de luces azuis parolando co mar e co ceo.


Desprotexidas, descoñecidas, abandoadas e deixadas da mao dos eufóricos trazadores de pistas e carreiros. Non é coña: non hai tantos anos fixeron unha pista por encima delas. E non me refiro á vella para o desguaze do barco, senón a outra. Para que, non se me alcanza.
Imos agardar que o furor municipal pola construción de sendeiros de sendeirismo (¡que praga, señor, que praga!) non as chimpe ata a enxebre costá de Teixidelo, pero ao mellor é moito imaxinar. Teño entendido que están dispostos a axudar a desbrozar un carreiro por todo o alto do cantil. Dende Cabo San Vicente ata Escandinavia. Falo en serio.

Pero ate que tal pesadelo se vaia facendo realidade terán que pasar moitas eleciós e mentres tal monstruosidade non arriba, sigamos desfrutando da pouca costá enxebre que nos vai quedando e sigamos a soñar con que poidamos deixar un mundo vivible e non somentes paseable.


Rematarei esta entradiña, xa ao mellor un poco costa abaixo, con tres rexistros gráficos de primeiros de xuño dunhas Iris latifolia sorprendentes. Sorprendentes por atopárense na Illa do Río Mera, ao nivel do mar: nunha outra demostración da extraordinaria orixinalidade botánica do noroeste do Noroeste, esa Macaronesia perdida.

E así se queda a cousa por hoxe, miñas e meus, cun recendo de selva e un alento de espranza, de azul e verde vestida.


Moi obrigado con vós.

A mandare.

Post a Comment

0 Comments